Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “arquitectura”

Hormigoneira

Obviamente, hormigonera e hormigoneira son palabras alleas ao galego. Infelizmente son moi usadas por galegofalantes. En galego, loxicamente, debemos dicir formigoneira. Tamén formigón, palabra que define a argamasa fabricada con cimento, auga e pedras. A orixe da palabra formigón parece relacionada co aspecto esmiuzado da masa no momento da fabricación. Un formigo é en Portugal un doce a base de pan relado, avelás mudas e mel. Tamén nalgunhas comarcas galegas comían o formigo, doce cuxo punto en común era o costro, ese primeiro leite que dan os animais, tamén chamado formigo.

Volvendo ao mundo da construción, a verdade é que ten un baixo nivel de normalización lingüística a pesar de seren os albaneis galegofalantes na súa meirande parte. Á construción pásalle un tanto coma á Igrexa: son os fregueses (pedreiros) os que falan o seu vocabulario pero son os curas (arquitectos) os que definen con que palabras. E as palabras da arquitectura son castelás.

A palabra ladrillo é tamén un castelanismo pero neste caso está admitida pola Academia Galega. As pequenas pezas de barro cocido destinadas á construción tiveron un especial desenvolvemento en áreas nas que era o xeito máis barato de construír e nas que non había pedra. De aí que a granítica Galicia adoptase o obxecto co nome estranxeiro tamén.

Podemos empregar para definir esta peciña rectangular a forma tixolo, que en portugués define precisamente o elemento que se usa para construír paredes fronte ao ladrilho, que se usa unicamente para o chan. Mais hai que lembrar que tixolo tamén é unha adaptación do castelán tijuelo.

Nas construcións máis modernas emprégase un tipo de ladrillo con meirandes propiedades de illamento e conservación da calor denominado termoarxila. Como indica o seu nome, estes blocos (ou bloques, ambas pódense usar) están fabricados con arxila (evitemos o castelán arcilla). O adxectivo relativo a este tipo de terra é arxiloso.

O dicionario da RAG diferencia cimento de cemento. Segundo o seu criterio, cimento é un substantivo que fai referencia ao asentamento dunha edificación. O seu sinónimo perfecto é alicerce. Cemento fai referencia á substancia de base calcárea que se usa como masa para unir diversos materiais dun xeito firme. Mais para o Estraviz (e eu comparto o seu criterio) cemento é un castelanismo e non existe ningunha razón para non usar cimento en todas as acepcións. Con ese significado, cimento aínda é unha palabra viva en moitas comarcas galegas.

Para quen queira profundar máis no vocabulario específico da construción e da arquitectura, exite unha ferramenta moi valiosa, o Dicionario Visual da Construción, editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia e dispoñible de balde en formato dixital neste enlace.

Dun xeito moi ameno podemos ir aprendendo todos que palabras ten o noso idioma para cada oficio, ferramenta, espazo e técnica. E unha vez sabidas, mellor usalas.

Descansillo

Aínda que moitas palabras rematadas en -illo e -illa se incluíron no vocabulario do galego, a meirande parte delas son castelanismos que podemos substituír con formas propias. Eis o caso de descansillo, que significa zona plana na que remata un tramo de escaleiras. Para substituír o termo incorrecto podemos empregar varias opcións.

A forma máis “familiar” podería ser descanso. A opción de eliminar o diminutivo castelán xa se usa noutros casos, por exemplo en cigarrillo-cigarro.

De todos os xeitos, existen formas máis “tradicionais” que conviría fomentar. Así podemos empregar relanzo, forma metafórica que lle aplica ao descanso entre escadas un termo que tamén define o tramo dun río onde a corrente se fai máis lenta ou o espazo ao redor dun camiño que cambia de socato de sentido.

A única palabra específica para esa peza arquitectónica en galego é escaleirón. “En cada escaleirón a comunidade puxo un extintor”.

Cando falemos da zona plana na que desemboca o tramo de escaleiras exteriores que levan ao sobrado dunha casa, poderemos falar de patín ou patamal. É bo resucitar estes termos da casa tradicional que moita xente só usa para falar da casa vella dos avós; para a nova que fixeron os pais xa prefiren terraza.

Finca

Esta palabra é un castelanismo. Mais non só. É unha desas palabras mal empregadas tamén polos castelán falantes de Galicia.

Finca significa, segundo a RAE, propiedade inmoble rústica ou urbana, é dicir, é un termo especializado da linguaxe xurídica. Mais curiosamente, úsase moito, mercé á xeneralización da linguaxe inmobiliaria, e case sempre mal.

Como este non é un blog de dúbidas do castelán, non inciderei máis no tema, só debo engadir, para facilitar a substitución por termos galegos, que finca en castelán non diferencia se esa propiedade está construída, en ruínas ou sementada de patacas.

Por iso as recomendacións que nalgúns dicionarios aparecen son incorrectas. Non podemos traducir finca por leira nin por terreo nin por soar. Logo veremos por que.

A palabra substituta perfecta para finca é predio, que, segundo a RAG, significa propiedade inmoble, exactamente o mesmo que a palabra castelá. “El alcalde de Barbadás es propietario, a través de sociedades pantalla, de más de 50 fincas en su ayuntamiento”. “O alcalde de Barbadás é propietario, a través de sociedades pantalla, de máis de 50 predios no seu concello”.

Un terreo só pode empregarse se a tal propiedade inmoble non ten ningunha estrutura construída. Terreo é un termo xeneralista, que tanto define unha carballeda coma un cascalleiro.

Se o terreo tivo en tempos algunha construción (hoxe en día arruinada) ou pode ser edificable, podemos empregar a palabra soar. Dicir soar edificable é unha redundancia. O que define a esencia do soar é, xustamente, esa condición construtiva.

A leira define un terreo dedicado á agricultura. Entre o amplísimo campo semántico do agro é dos termos máis xerais mais aínda así non podemos falar de leiras edificables, agás que no momento de así chamalas teñan un cultivo de vide ou de millo agardando a escavadora para lle dar paso a un edificio de nove andares.

Desplomar

Para o verbo desplomar co significado de caer unha cousa de gran peso, o galego opta mellor por formas non conflitivas caso de caer, afundirse, esboroarse, esmoroarse ou derrubarse.

Por que é conflitivo este verbo? Porque aínda que en castelán se usa regularmente como sinónimo de caer, o certo é que en orixe significaba perder a verticalidade. A etimoloxía relaciónase coa palabra castelá plomada, que, entre outras cousas, era unha peza de metal (normalmente de chumbo) que se colocaba atada a un fío para que os albaneis e demais artesáns da construción puidesen comprobar a verticalidade de calquera obra.

En galego, plomada pódese dicir chumbo (a forma recomendada pola RAG) ou prumo (forma común ao portugués). De aí que para falarmos dunha obra que perdeu a verticalidade, poidamos empregar a forma desachumbar (no galego estándar) ou desaprumar, presente na Idade Media e hoxe a utilizada en portugués. “Os edificios daquela urbanización aos poucos anos xa se desachumbaran (ou desaprumaran)”.

Esa peza explica non só desplomar senón a locución “a plomo”, que tanto se refire a algo que cae dunha soa vez coma a algunha cousa colocada verticalmente (e tamén comprobar que se conserva esa verticalidade). O verbo aplomar é, en orixe, antónimo de desplomar. É dicir, significa elevar un muro ou outra obra. De aí que por extensión se fale de que alguén ten aplomo cando obra con rectitude, cando segue o regueiro dereito.

En galego, para aplomar, con significado construtivo, debemos utilizar achumbar. Este verbo non deu no noso idioma un derivado equivalente a aplomo e debemos usar substitutos como rectitude, serenidade, gravidade ou circunspección. “Los manifestantes actuaron con aplomo ante la policía”. “Os manifestantes actuaron con serenidade perante a policía”.

Buhardilla, trasteiro, tragaluz, ático

A linguaxe inmobiliaria moderna, no seu afán de vender, desterrou unha palabra moi (e mal) usada no castelán desde o século XIX: buhardilla. Utilizada para definir o espazo inmediatamente inferior ao tellado nunha casa ou edificio, en realidade, unha buhardilla, segundo o RAE, é o burato ou xanela que se abre nun tellado para darlle luz ao faiado. Quizais por non falar en tempos de faiados (desván, en castelán) onde se supuña que debía vivir xente, os axentes inmobiliarios daquelas optaron por tomar o símbolo da luz como nome para designar ese espazo até entón destinado a almacenar o que sobraba nas zonas nobres da casa.

Co tempo, buhardilla foi perdendo prestixio na linguaxe e entón inventouse iso de ático abuhardillado. Nos tempos da burbulla inmobiliaria, xa calquera buhardilla pasaba por ático nas revistas de compra-venda de pisos.

Até agora usamos as palabras castelás para estes elementos, infelizmente moi utilizados no galego oral. Debemos substituír esas palabras polas formas galegas, que son moitas.

Bufarda é o equivalente a buhardilla co significado canónico. Define esa abertura, aberta ou pechada con cristal, feita no tellado para alumar o faiado ou faio. Amais de bufarda podemos usar bufardo, bufarra, bufarro, mainel, fachal, fachinelo, biolo, claraboia e lumieira.

Ollo con tragaluz, que é un castelanismo. Debemos substituílo por bufarda ou calquera dos sinónimos dos que falamos anteriormente.

E daquela, como lle chamamos ao espazo que aluma a bufarda? O habitual é chamarlle faio ou faiado. Na Xunta de Galicia puxérase de moda hai anos chamarlle rocho porque traducían trastero –trasteiro é un pseudogaleguismo. O rocho defínese máis polo seu uso que pola súa situación xa que é a estancia dedicada a gardar os trastes. Tanto pode estar no alto da vivenda coma no baixo. O faiado, en troques, define a planta inmediatamente inferior ao tellado.

Tamén podemos usar ático. Aínda que a palabra gañou prestixio social (que llo pregunten ao presidente da Comunidad de Madrid, Ignacio González), en realidade o ático define unicamente a planta dedicada a vivenda que se constrúe xusto debaixo do tellado e que, polo tanto, ten o teito máis baixo. Cando alguén presuma de que vive nun ático, sería bo lembrar que posiblemente teña que andar anicado o tempo todo para non bater nos linteis das portas.

Navegación de artigos