Habelas hailas
Hoxe chegoume un folleto do Concello de Ourense destinado a concienciar a xente de que recolla as cagalletas dos cans cando os pasean. O talentoso creativo utiliza para as bosteiras unha metáfora tan elevada que de estar meu avó Baltasar vivo diría del que lle quedou o cu descansado: Igual que as bruxas, as feces caninas “habelas hailas”.
Por desgraza, non é a primeira vez que vexo así a frase, en puro castrapo. O ditado en galego é habelas, hainas, xa que no noso idioma, o pronome únese á forma verbal con n: facelas, fanas; cuspir, cúspenas…
Habelas hailas é unha adaptación do castelán haberlas haylas, onde esa colocación do pronome é antiga e obsoleta. E de aí a dúbida: pode que sexa haberlas haylas unha tradución do ditado habelas hainas orixinalmente en galego? Se atendemos ao tópico de Galicia como terra de meigas podería ser esta unha posibilidade.
Mais tamén pode pasar o contrario porque a tradición galega das bruxas é moi recente e inexistente até que o esconxuro da queimada (nacido na década do 1920, tal e como recorda Miguel Anxo Murado) vinculou o noso folclore cun inhabitual número de bruxas per capita. Como dixen, no castelán esa forma de colocar os pronomes está en desuso pero desde non hai moito; aínda en libros publicados nas décadas do 1950 e 1960 aparecen usualmente.
En canto á galeguidade do ditado habelas hainas, en realidade recoñezo que apenas o escoitei entre os galegofalantes (pero iso non demostra que sexa unha forma allea) e si moito na televisión española. Na miña casa, cando aparecen as bruxas, é máis ben en frases do tipo: “Viume unha bruxa”; “teño unha fada”; “botáronme un bruxedo”…
Isto dá pé a outra consulta: onte estivemos de paseo e chamoume a atención un cartel indicador que dicía “cañóns do Sil”. Quedei eu cavilando se será que é distinto un canón dun cañón, como o é unha serea dunha sirena, ou se sería unha chapuza enxebre…
Lin hai tempo nalgures que aparecía no Quixote. Ou era “tarde piaches”?
Penso que nin unha nin outra 🙂
Pozí, capítulo 53:
https://www.google.com/search?q=tarde+piache+quijote&ie=utf-8&oe=utf-8
Sinónimo de bruxa : meiga
Ainda a pesar de quedares como ignorante, logo de leer o artículo, non teño claro se debemos “salvar” a forma “hailas” para este casi-refrán ou tachalo directamente como incultura pola forma impropia do uso dos pronomes. 😦
Ese refrán é castelán. Se queres usalo en galego debe ser habelas, hainas.
Si, xa me parecías o máis normal. Pero ao atopar esta publicación de (MiGalicia): https://www.facebook.com/migalicia/photos/a.185881548129860.58812.185793881471960/1175690092482329/?type=3&theater
faime replantearme as cousas dúas veces, así que a curiosidade fíxome investigar. A ver se a gracia da frase era “hailas” e non “hainas”. Pero que pena que dende esas páxinas non se promocione de xeito correcto.
Graciñas! 😉