Dúbidas do galego

Cando introducimos o obxecto directo coa preposición a

En galego, o obxecto directo, como norma, vai unido ao suxeito sen preposición, a diferenza do castelán: “Vio a un gato en el jardín”, “Escucha a tu corazón”, “Entretuvimos a tu padre hasta que se cansó”. “Viu un gato no xardín”, “Escoita o teu corazón”, “Entretivemos o teu pai até que cansou”.

Mais nalgúns casos si que debemos empregar a preposición a para construír as frases con corrección e evitar confusións. Recordemos que son casos excepcionais pero que deben terse en conta para non caer nun galego artificial. Reparamos nos exemplos máis habituais aínda que hai máis casos.

Cando o obxecto directo é un pronome persoal tónico: “Tróuxoa a ela”. Fixémonos que xa o pronome átono marca que estamos diante dun obxecto directo. O obxecto indirecto vai marcado polo pronome lle: “Tróuxolle a ela un pente”.

Con algúns pronomes non persoais. Un, cando se achega ao pronome persoal: “Primeiro mete a un en apuros e logo cala”. No caso de ser un impersoal claro non leva: “Coñezo unha que che sabe diso”. Todos/as: “Vendex comprounos a todos os concelleiros do PP”. Ambos/as: “Desde aquí, vexo a ambas”.

Cos numerais referidos a persoas se hai marcador de redobre clítico. É dicir, cando xa hai un pronome átono que marca o obxecto directo. Notemos a diferenza entre: “Levo as dúas fillas fotografadas na carteira” e “Lévoas ás dúas fillas…”

Con calquera referido a persoa. “Despiden a calquera que cobre moito e contratan a calquera que o faga por menos”.

Con pronomes demostrativos referidos a persoas. “Nunca trouxera a eses para xogar”. “Coñecín a estes nunha noite de esmorga”

Con nomes propios de persoas. “François Hollande nomeou a Manuel Valls primeiro ministro de Francia”. Aínda así, existen matices. Cando o nome vai precedido do artigo non é necesaria a preposición. “A asemblea nomeou o Chuco voceiro do movemento”. “Disque o Andrade traizoou o Castro nos tempos do rei Pedro”.

Existen aínda así máis excepcións cando o nome común ten un matiz expresivo na frase diferente. Por exemplo, cando non definen unha persoa senón que definen a súa obra completa. “A orquestra tocou Chopin, Brahms e Debussy”. Ou cando pode haber ambigüidade entre o obxecto directo e o indirecto na mesma frase. “Recomendoulle Fernando Ónega a Adolfo Suárez”.

No caso dos antropónimos, agás en contextos moi formais, é preferible usar o artigo, xeito que se acomoda máis á nosa fala cotiá, aínda que poida parecer máis ambiguo. Na fala flexionamos de diferentes xeitos as palabras. “Recomendoulle a Rosa ao Pepe” non o dicimos igual ca “Recomendoulle á Rosa o Pepe”.

Con topónimos “personalizados”. Se falamos dun territorio polo que representa máis que pola súa situación. “Napoleón conquistou Europa” fronte “A Xunta só criticaba a Madrid cando gobernaba Zapatero”.

Cando definimos parentescos moi próximos. Se dicimos “O profesor coñeceu os pais do Brais” recoñecemos distancia. Mais reparemos nestoutra frase: “O profesor coñeceu a papá”. Cando o parentesco é moi cercano ao falante e unívoco prefírese a preposición.

En calquera caso que poida crear ambigüidade. Se ao construírmos unha frase, o obxecto directo pode confundirse co suxeito, usaremos a preposición a como marca de desambiguación: “Os franceses os galegos derrotaron” deberiamos escribilo “Os franceses aos galegos derrotaron”.

Single Post Navigation

5 reflexións sobre “Cando introducimos o obxecto directo coa preposición a

  1. Ola!

    Máis que unha resposta, esta é unha pregunta! A acentuación correcta do pretérito imperfecto de indicativo non me deixa conciliar o sono…dise “paseábamos” ou “paseabamos”?
    O caso é que non hai vella en La Coruña, por moito castelán que crea ela que fale, que non o diga con acentuación grave…iso faime sospeitar cal é a forma correcta, pero aínda así non teño claro cal é a forma estandarizada pola RAG. Alguén podería axudarme?

    Graciñas

    • A forma correcta, como intúes Bea, é con acentuación grave en todos os casos: Paseabamos, tiñamos, vertiamos… No caso de verbos do modelo de saír, debemos marcar o acento, si, con diérese, dentro do tritongo na primeira e segunda persoa do plural: saïamos, saïades. Así non se confunden coas formas idénticas do presente de subxuntivo: “Rezo para que saiades campións este ano”.

      Graciñas por comentar.

  2. Ola,
    Unha cuestión: na frase saudaba os paxaros, é os ou aos?
    Grazas,

Deixar un comentario