Dúbidas do galego

Grazas

Grazas e graciñas son as formas do galego para mostrar agradecemento, sexa este auténtico ou obrigado polos protocolos sociais. É certo que a forma máis habitual na fala viva é gracias, entre outras cousas porque foi a forma admitida no galego até o cambio normativo de primeiros do século XXI. É por iso que a forma grazas gaña usuarios día a día entre os galegofalantes. Como ocorre con todas as formas pouco habituais ao oído, faise necesario un período de adaptación, un adestramento que só se consegue escoitando e lendo unha palabra en variados contextos até que se naturaliza. Non é un caso moi diferente ao da música fórmula. Cantos de nós marmuriamos o soniquete da canción de moda logo de sentila unha única vez na radio? Poucos. En cambio, a base de oíla e oíla, acaba colonizando a melodía o noso cerebro e case sen sermos conscientes cantamos a canción do momento na ducha, por moi pouco que nos preste.

Afortunadamente, o idioma non ten unha dimensión vírica tóxica coma as cancións das emisoras comerciais pero na normalización do idioma é bo contar con ferramentas que a priori parecen destinadas para outras cousas. O galego, pola súa propia condición de lingua subalterna a nivel legal e por sufrir preconceptos de todo o tipo que reproducen moitos dos seus falantes, ve como anómalos procesos que son “habituais” noutros idiomas. Por exemplo, considerar que o galego “cambia a todas as horas” ou que “o galego normativo é inventado, o auténtico é o da aldea” é un pensamento que non se lle aplica ao castelán, malia que incorpora palabras novas ano tras ano e incluso fracasa en aplicacións normativas superficialmente innovadoras, caso da eliminación do acento diacrítico en sólo, unha reforma que a Academia Española tivo que enterrar.

Xosé Ramón Freixeiro Mato, un dos gramáticos máis importantes da lingua galega, recomenda que para que sexa máis doada a transición entre o gracias e o grazas, podemos usar o graciñas. A forma graciñas está moi estendida, marca complicidade e incluso cariño.

A forma grazas como xeito de agradecemento xa se documenta no galego medieval.

Single Post Navigation

15 reflexións sobre “Grazas

  1. Pensas que haberá uma nova revisiom da norma dentro de pouco, coma a do 1995 ou a do 2003? Ti que opinas?
    Penso que dende o 2003 xa pasarom bem anos e cómpre solucionar o problema da diminuciom progresiva de galegofalantes. O verdadeiro problema é que case nom hai nenos que usem o galego, e se os hai é bastante díficil que mantenham o galego usando tódolos seus companheiros o castelám. Uma revisiom da norma (cum achegamento ao português, principalmente na escrita), que se poidam ver as teles portuguesas e escoitar as rádios portuguesas, libros en português (nas librarias e nas bibliotecas) e maior número de videoxogos (e serviços de todo tipo, en xeral) tanto no galego coma no português.
    Ainda así, todas estas mudanças; sen vontade da xente, de pouco serviria.

  2. O achegamento ao portugués urxe, pero non hai por que facelo diluíndo o noso sinal de identidade máis importante na lingua do país veciño. Os sentimentos e a sicoloxía son importantes e a percepción de que “esa lingua da Xunta non é a miña”, dos nosos vellos, a propia forma “grazas”, etc. provocan unha desafección cara a lingua dos falantes reais e desideoloxizados (ou non ideoloxizados a favor) que se transmite e que non fixo menos dano que o decreto do plurilingüismo. Achegamento si, se significa coñecer as coincidencias e diferencias, a proximidade que nos facilita a comunicación coa lusofonía, as vantaxes de sermos galegofalantes. Pero desde o muto recoñecemento e respecto. Teño sentido algún portugues do norte laiarse de que a súa avoa falaba practicamente galego pero que a súa xeración xa non porque foron á escola. A diversidade non é unha maldición!

    Por outra banda hai expresións moito máis vivas ca grazas, polo menos ata antonte, como dio-lo pague ou deus cho pague, que cómpre reivindicar e protexer, independentemente das crenzas de cadaquén, que non hai que confundir o cu coas témporas. Outra que probablemente estaría ben tratar de recuperar, malia o risco de sermos acusados de “inventar palabros”, é “beizóns”, que non despareceu das nosas bocas hai tanto, desde un punto de vista histórico. Dúas xeracións antes da miña penso que se usaba con normalidade.

    Parabéns coma sempre polo blogue

    • Eu penso que o achegamento ao português teria que limitarse á escrita (lh, nh, ç) e a eliminar algúms castelanismos. Por exemplo, eu nom estou a favor nim da terminaciom -çom nim do -çao (perdoade, mais nom sei como se pom o acento enriba do a); como proponhem os reintegracionistas. Eu proponho o -ciom.

  3. Grazas polo artigo 😉

    Polo menos en Vigo todavía vexo que hai xente que lle parece “raro” o uso de “grazas”. De feito, aquí o problema non é a “transición” do termo se non que moi pouca xente fala Galego, a diglosia calou moi fondo aquí, Galiza precisa dunha política de protección lingüística eficaz e blindada contra o Goberno caciquista-Madrileño de turno.

  4. É certo que os idiomas e a súa normativa cambia. E iso provoca moitas reaccións porque a lingua é algo que levamos moi dentro (o cambio ortográfico en Portugal, a reforma da eszett en alemán, o cambio do acento circunflexo en francés). Agora, hai que recoñecer que o cambio normativo de gracias -> grazas non ten semellante no castelán nin en ningunha outra lingua que eu coñeza (o máis parecido, o cambio de denominación das letras v e y en castelán). Cámbiase unha das palabras máis utilizadas da fala (a primeira que aprenden os estranxeiros), e non soamente na escrita, senón tamén na fala por outra que, por moito que estea documentada na idade media, non ten ningunha lexitimidade na lingua oral ou escrita. Que trece anos despois de escoitar “grazas” na tele e radio este artigo aínda sexa necesario é boa proba.
    Eu aínda non dixen nunca “grazas” porque non consigo que soe ben e tamén uso “graciñas” como forma de esquivar o termo

  5. Existen 3 formas para expresar agradecemento na nosa lingua: grazas (decalque do castelán), beizón ou obrigado (decalque do português). Cal escolledes?
    Por último, recomendo visita-lo blogue “Debullando a fala” (https://debullandoafala.blogspot.com.es/).

  6. Á parte de “solo”, outra mudanza que fixo a RAG foi de saca-lo acento a “guión” (dende 2010, guion), por consideralo monosílabo e, polo tanto, non podía seguir a acentuarse. Mais, dende cando guión é monosílabo? Non se supón que se pronuncia gui-ón? Polo menos, desta vez, a RAG fixo ben en seguir mantendo a forma “guión”.

  7. Que o galego muda a todas horas… E pensar que aínda hai portugueses que protestan polo Acordo Ortográfico e hispanos que protestan pola reforma da RAE da 2010 (https://www.youtube.com/watch?v=I6NtE56FHE0). E iso que o galego non fai nengunha mudanza seria dende o 2003! O caso é protestar.

  8. Pingback: As tres formas de agradecemento no galego | Extensión do galego

  9. Pingback: Obrigado, obrigada | Dúbidas do galego

Deixar un comentario