Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Calabozo

Ás veces, as normas defenden formas na lingua estándar que parecen incumprir as propias directrices que impulsan a súa filosofía. No uso cotián cómpre someterse á norma para evitar confusión, sobre todo se os textos forman parte dos medios de comunicación, pero debemos ser conscientes dalgunhas incoherencias da autoridade lingüística.

Este paréceme o caso de calabozo. É palabra admitida no galego para definir o lugar destinado a prisión que, ás veces, é subterráneo. A orixe é latina. Do vulgar calafodium, a palabra pasou ao castelán como calabozo. De aí ao catalán (calabós) e ao portugués (calabouço).

Se a palabra latina evolucionase directamente en galego deberiamos dicir caabozo ou cabozo. De feito, na lingua culta empregouse a forma cabozo, hoxe proscrita na forma estándar. Aparece nos principais dicionarios históricos galegos pero substituíuse por calabozo por considerar que esta é un castelanismo aceptado polo moito uso. Vese que a prisión falaba en castelán.

Particularmente, considero calabozo un castelanismo evitable. Ao igual que noutros casos, se cabozo xa se consigna como termo galego no 1913, por que non aceptalo? Porque quizais é unha falsa evolución? Acaso non pode unha lingua propoñer solucións autóctonas? Se o tempo permite que triunfen, que hai de malo?

A segunda opción sería utilizar o lusismo calabouzo. Primeiro porque se adapta de marabilla ao xeito galego de pronuncia e porque ten, segundo os expertos, 400 anos de experiencia en portugués. Pero eu non son moi de utilizar empréstimos do portugués se temos palabras de noso.

Se tendes dúbidas con este substantivo concreto, prisión ten máis sinónimos. Cela é unha palabra veterana en galego e pode empregarse no caso concreto que nos ocupa. Alxube empregábase en orixe para definir unicamente aquelas prisións subterráneas (provén do árabe al-jubb, que significa pozo). É a forma propia de definir o que en castelán se chama mazmorra. Hoxe pódese empregar como sinónimo de calabozo.

Advertisements

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Calabozo

  1. Cando eu era rapaz escoitaba aquí en Santiago como meu pai -que ía de neno de oito anos levar pan duro desde a Cociña Económica da Rúa Travesa aos presos cataláns de Santa Isabela- chamaba os calabozos ou celas FALCONA. Non sei se ten a ver coas gaiolas dos falcóns, dáme a min por dicir, claro, a metáfora é obvia. A súa nai -que era a miña aboa paterna- era monolingüe en galego aquí mesmo en Santiago, por estraño que pareza agora.
    O que si sei é que tiñan un léxico que de cando en vez lembro e que a moita xente sorprende: chamáballe ricos ás lambetadas, ensinado por educado, larafuzas, dicía “fau que tes frío” por seique tes frío, forma por molde e non daba pronunciado o /y/: auntamento, por exemplo. Nunca lle escoitei xalundes pero constantemente ulo, madia a leva e unha cousa curiosa: non escoitei Vostede nin Vosté nin nada. Si, en cambio Ela. A curmá de meu pai, Clara, aínda o di aos seus oitenta e todos: “Ela ten frío”? en lugar do antifonético Vostede ten frío?

    Un saúdo. Douche o parabén polo blog, de calidade extraordinaria

  2. En realidade, cela é onde están encerrados os presos, non é un sinónimo total de prisión, xa que prisión pode referirse ao edificio (cárcere) e cela, non. Entón, calabozo traduciríase ao galego como alxube ou cabozo. É igual que soberbio e soberbía que se traducirían ao galego como altivo e altivez.
    Na miña opinión, en Galiza, cando un fala o galego como lle da a gana e nas nosas mans está que cabozo se converta nunha palabra admitida no galego.

  3. Se se puxesen a aceptar castelanismos porque son de moito uso…, creo que se poderían aforrar o esforzo de intentar facer unha lingua galego máis galega, aínda que poderían facer máis.

  4. De feito, un caso parecido ao de cabozo é caveira, na que calaveira non está admitido, e creo que fixeron ben xa que parece un castelanismo, e é ademais, innecesario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: