Quitamedos
Substantivo moi estendido na nosa fala, especialmente co significado de muro ou varanda que se coloca nos treitos perigosos das estradas para aumentar a sensación de seguridade. Quitamedos é un calco do castelán quitamiedos. Non aparece nos dicionarios e o VOLG recomenda substituílo por palabras galegas hoxe en desuso pero con semellante significado, caso de petril, cando ese elemento é feito en pedra ou cimento; e varandal, cando a feitura é de aceiro ou de madeira.
Algúns lingüístas, caso de Benigno Fernández Salgado, propoñen o neoloxismo tornarriscos como substituto perfecto para todos os significados de quitamedos. Persoalmente, non me chista nin un nada esa solución pero hai que recoñecer que empata coa tradición galega de usar o verbo tornar en substantivos: tornasol, tornarratos…
Considero que a presenza de varandas de metal nas estradas é un perigo innecesario para a saúde dos motoristas e tomara que de aquí a pouco nas nosas estradas só haxa petrís e varandais de madeira. Sería un aforro de vidas e lesións e un gaño lingüístico de palabras propias e ben bonitas.
Totalmente de acordo. Tamén me dá moita rabia ver nos anuncios iso de “pasarrúas” que, se non estou errado, substitúe a palabra ruada por unha tradución literal do castelán pasacalles.
Un día falaremos de pasacalle (permitido pola normativa) e ruada. Graciñas polo comentario