Réximes
A palabra réxime é desas que en singular non dá guerra ningunha pero á hora de expresala en plural enche de dúbidas. Diremos réximes, reximes, rexímenes?
A complicación vén dada polo ouvido. Estamos afeitos a escoitar o plural castelán regímenes e non acabamos de fiarnos de que en galego se diga e se escriba doutra maneira.
Reximes é tamén unha forma incorrecta. Dise así en portugués porque o singular tamén é grave (regime).
En galego, esta palabra é corrente e regular. As palabras esdrúxulas acabadas en vogal fan o plural engadindo un -s. Ósculo/ósculos; pátina/pátinas e réxime/réximes.
Na nosa lingua, réxime tanto define un sistema ou modelo normativo como, por extensión, ás normas de alimentación que se seguen nun determinado momento. “Estou moi gordo, teño que poñerme a réxime”.