Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

A Cañiza e Riveira

Afortunadamente, a toponimia oficial de Galicia está practicamente normalizada, convenientemente galeguizada e vixiada por autoridades toponímicas científicas e independentes. E digo “practicamente” porque perviven algunhas formas deturpadas que se manteñen nos mapas e na documentación institucional a pesar dos máis de trinta anos de autogoberno.

O caso máis relevante é o da Cañiza, parroquia e concello da comarca do Paradanta. Hai case oito anos que está pendente de aprobación unha emenda na normativa toponímica para que este topónimo deturpado desapareza da documentación en favor do tradicional A Caniza, vivo na fala da zona (eu nacín a poucos quilómetros de alí) pero cada vez máis minimizado pola potencia documental da forma castelanizada A Cañiza. Falta o acordo do Consello da Xunta e logo a seguir evitar a posible insubmisión do alcalde da localidade, que, curiosamente, si respecta a forma real na súa web: caniza.org (claro está porque a “tradición” española de grafar o ñ nas urls é mediante n e non con nh, como se fai na tradición galega).

A Caniza é un topónimo con mala sorte. En diferentes dicionarios históricos aparece a forma cañiza co significado de “caseta feita de ramallos de árbores entrelazadas e cubertas de colmo”. Así figura no Franco Grande e tamén no Eladio. Parece ser que foi xustamente Eladio Rodríguez o que axudou a difundir o castelanismo, ao seguir a Samuel Eiján no rastrexo da orixe do topónimo. O historiador e frade franciscano decinomónico Eiján seguiu á súa vez a Francisco de Ávila y de la Cueva, historiador eclesiástico que ao escribir a súa descrición da contorna de Ribadavia alude a unhas “cañizas”, construcións “rústicas” documentadas no século XVII no actual territorio da capital do concello. Ávila conta que grazas á posición estratéxica do poboado na vía entre Vigo e Ourense, acabou por celebrar feira mensual e xa a primeiros do século XIX se declarou parroquia independente de Valeixe, que na Idade Moderna fora o centro económico e señorial daquela área.

O problema é que o que Ávila denominou cañiza non é nin propio de Valeixe nin exótico no resto de Galicia, onde se coñece como caniza (incluídos os que as construíron). Unha caniza ou un canizo é calquera construción que se elabora con canas, entendendo a palabra cana dun xeito amplo como sinónimo de ponla. De feito, o que fixo Ávila foi identificar en castelán esas construcións, que aínda hoxe se chaman así, tal e como lemos no dicionario da RAE: cañizas ou cañizos.

Riveira

Aínda que nos nomenclátores oficiais aparece a forma correcta Ribeira, a ignorancia do Concello desta localidade do Barbanza é alta e ousada e a cada conseguen maior espazo para a forma deturpada Riveira. Non vou explicar por que é unha burrada ese v antietimolóxico; xa o fixo moito mellor a Asociación Galega de Onomástica neste imprescindible artigo.

Só me cómpre engadir que me dá algo de pena ver como institucións e empresas galegas comprometidas teñen que asumir a forma deturpada para poderen colaborar co Concello de Ribeira. O lóxico nun país normal sería que se puidese denunciar este erro na xustiza e que fose un tribunal, cos datos históricos e lingüísticos na man, quen obrigase a respectar a toponimia galega aos ignorantes que gobernan na localidade. Mais iso, de momento, é moito pedir.

Advertisements

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “A Cañiza e Riveira

  1. Xosé-Henrique Costas o dixo:

    En ambos os casos é teimosía antigalega do PP, porque o de Ribeira está claro, e o da Caniza foi aprobado pola Comisión de Toponimia da Xunta hai unha chea de anos.
    O que si foi desidia do nacionalismo foi cando os alcaldes nacionalistas de Maceda de Limia (Maceda) e de Maceda de Trives (Manzaneda) non fixeron nada para solicitar a regaleguización correcta de candanseus topónimos. Manzaneda é un castelanismo que substituíu o histórico “Maceda de Trives”, de Trives para diferenciala da outra Maceda, da de Limia. Así aparece en toda a documentación medieval. Pois nada, seguimos con alcaldes nacionalistas nestas dúas Macedas (un de CxG e outro de ANova) e nada se move, todo segue igual.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: