Dúbidas do galego

O infinitivo conxugado

En galego temos recursos gramaticais específicos que, por causa da diglosia co castelán, están en risco de se perder ou sofren modificacións entre moitos galegofalantes que os coñecen pero que logo non son capaces de reproducilos. É o caso dos verbos compostos. Cada vez máis se escoita entre persoas que falan acotío a nosa lingua formas castelás tales como “eu había visto esa película” ou “Houberamos vido antes de sabelo”. En moitos casos, quen así se expresa nin sequera advirte de que esas formas son estrañas ao galego. É o que se chama castelanismo gramatical.

Mais hoxe quero falar doutro fenómeno quizais non tan evidente: o infinitivo conxugado.

O infinitivo conxugado non existe en castelán. É un elemento na nosa expresión que a dota de maior profundidade e precisión e que permanece vivo na maior parte das comarcas do país. A teoría xa se coñece. No idioma galego, o infinitivo flexiona en varias persoas e aparece así marcado cando a frase cumpre unha serie de condicións.

Nace natural cando o infinitivo e o verbo principal teñen un suxeito distinto: “Foi marchardes vós e empezar a festa”. Tamén cando nunha frase aparece o infinitivo antes do verbo principal. Neste caso, aparece xeralmente introducido por unha preposición. “Para convenceren os socialistas, os populares só teñen que ameazar con novas eleccións”. Cando durante unha frase hai moita distancia entre o verbo principal e o infinitivo, co cal pode non quedar claro cal é o suxeito. “As empresas chinesas adquiren patrimonio industrial galego como aposta de futuro por consideraren que ten unha boa razón calidade-prezo”.

En cambio, non podemos conxugar o infinitivo cando estea subordinado directamente ao verbo principal: “Deben coidar (non coidaren) as persoas dependentes”. “Tes que cociñar (cociñares) ese prato de pasta que tanto me presta”.

Como consecuencia da transmisión irregular (con ruído ambiente) do galego de xeración en xeración, moitas persoas galegofalantes saben que existe o infinitivo conxugado pero non saben flexionalo. As formas erroneamente utilizadas máis comúns son a segunda persoa do singular e a terceira do plural. “O neno veu para aprenderen a debuxar”. “Dous días levo sen durmir, para seres exacta”.

É moi útil reparar un tantiño no uso do infinitivo conxugado. Melloraremos a expresión, farémola máis eficiente e permitiremos que un recurso que só manteñen o napolitano e o húngaro a maiores da familia de linguas galegoportuguesa siga vivo.

Single Post Navigation

11 reflexións sobre “O infinitivo conxugado

  1. Bo artigo, agora a ver se podes facer un falando do futuro do conxuntivo. Nos países lusófonos goza de boa saúde, mais, e na Galiza?

  2. Inda que sou galega, ando fora da terra case unha vida, e foi Asturias, a miña segonda patria, o lugar onde escoitaba decotío “prestar” co sinificado de “gostar”. A miña pregunta -.se dérase o caso de que respóndese a elas neste blog- é si nesa frase na que se emprega “prestar” tamén sinifica “gostar”: “Tes que cociñar (cociñares) ese prato de pasta que tanto me presta”. Coidaba que, inda que hai outros verbos sinónimos de “gostar”, non figuraba entre eles “prestar”. Moitas grazas.

    • Ola: Prestar úsase como sinónimo de gustar, por suposto. “Moito me prestou o concerto de Mercedes Peón”. “Non che prestou nadiña a conversa co meu pai”. Graciñas por comentar. Apertas.

      • Perdoa pola miña insistencia, pero agora, o reler, vexo ¿un “amezar” por “ameazar”?: «Para convenceren os socialistas, os populares só teñen que amezar con novas eleccións». Tiña entendido dende os tempos da Facultade de Filoloxía que tanto a “l” como a “n” pérdense a miudo cando van entre vogais, sen máis efecto. ¿Cecáis un erro involuntario? Graciñas. E máis graciñas, si podes correxir os máis doentes das miñas coaduras.

      • Foi un erro. É ameazar, claro 🙂

  3. … AS máis doentes, sí.

  4. Moi ben explicado. Grazas. Eu tamén poría, para os que o lean logo, non antes de cociñares.

  5. Uxía Casal Silva o dixo:

    Por que amábeis leva til? Grazas.

  6. Amábeis leva acento gráfico porque é grave, non esdrúxula, e remata en ditongo decrecente. Da mesma maneira, as agudas que rematan en sílaba con ditongo decrecente, moi habitual na nosa lingua, non o levan: ademais, cantou ou estudei.

Deixar un comentario