Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “roxo”

Loiras, castaños, rubias, morenos, roxas e viceversa

Non vai falar este artigo de programas de televisión; só de cores de pelo. En galego temos un vocabulario propio para definir o abano cromático que acotío se encontra na cabeleira humana e animal pero desde hai uns anos, por mor da influencia do castelán, xurdiron dúbidas ou incluso malos usos que condenan ao esquecemento as formas propias.

Rubio: O meu pai é o Rubio de Cequeliños. Tamén lle chaman o Paxariño pero ese é un alcume que herdou do meu avó Antonio, que seica pasaba o día a asubiar. Meu pai hoxe está careco e os pelos que lle quedan están brancos coma a neve. Mais en tempos tiña o pelo dourado. O meu pai non era rubio, en definitiva. Porque o adxectivo rubio en galego define as persoas co pelo avermellado ou ben cunha cor que oscila entre o dourado e o acastañado. Esta é a cor ideal para traducir o castelanismo pelirrojo. No caso dos animais, o pelo rubio é ese ton acastañado vivo, tirando ao vermello, que leva a vaca rubia galega ou algúns cans das razas británicas: settler, cocker, algún golden retriever.

Roxo: Aínda que pode ser sinónimo de rubio, e polo tanto tamén podemos usalo para substituír pelirrojo, a cor roxa tamén pode definir en galego unha tonalidade de vermello máis vivo, tirando á cor laranxa e incluso o cabelo da cor do ouro.

Louro e loiro: Meu pai non chegou a roxo porque o amarelo da súa cabeleira era un dourado máis claro. Para ese ton usamos en galego louro. Esta é a forma máis axeitada para substituír o que en castelán chaman rubio. “La ciudad con más mujeres de pelo rubio de España es Sevilla”. “A cidade con máis mulleres de pelo louro de España é Sevilla”. Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, o adxectivo louro tamén define a cor da castaña moi madura, é dicir un matiz do granate. O Estraviz diferencia louro, que en efecto define esa cor escura e brillante de loiro, que viría definir ese dourado ou castaño claro.

Castaño: Eu non herdei o loiro do meu pai; son castaño, en extinción. A cor castaña vén da cor dese froito seco tan común en Galicia, polo que nalgúns contextos podería chamarse tamén louro. Entendo a confusión, nin eu mesmo sei de que cor teño o pelo que aínda non me encaneceu.

Moreno: Neste caso, o adxectivo é igual en galego ca en castelán. No caso do pelo define a cor negra ou castaña moi escura. En canto á pel, é unha forma ampla de referirse a tons escuros.

En resumo, en galego temos catro grandes grupos de cor de pelo: loiros ou louros; roxos ou rubios; castaños e morenos. Os dous primeiros adxectivos equivalen aos castelanismos rubio, pelirrojo/pelirroxo. Este campo semántico considero que é un dos máis danados da nosa lingua. Recuperalo non é doado. Hai tempo que veño propoñendo sen ningún altofalante que a TVG debería producir unha serie infantil cuxos personaxes levasen nomes das cores de noso para impedir que se perdan.

Advertisements

Navegación de artigos