Dúbidas do galego

Loiras, castaños, rubias, morenos, roxas e viceversa

Non vai falar este artigo de programas de televisión; só de cores de pelo. En galego temos un vocabulario propio para definir o abano cromático que acotío se encontra na cabeleira humana e animal pero desde hai uns anos, por mor da influencia do castelán, xurdiron dúbidas ou incluso malos usos que condenan ao esquecemento as formas propias.

Rubio: O meu pai é o Rubio de Cequeliños. Tamén lle chaman o Paxariño pero ese é un alcume que herdou do meu avó Antonio, que seica pasaba o día a asubiar. Meu pai hoxe está careco e os pelos que lle quedan están brancos coma a neve. Mais en tempos tiña o pelo dourado. O meu pai non era rubio, en definitiva. Porque o adxectivo rubio en galego define as persoas co pelo avermellado ou ben cunha cor que oscila entre o dourado e o acastañado. Esta é a cor ideal para traducir o castelanismo pelirrojo. No caso dos animais, o pelo rubio é ese ton acastañado vivo, tirando ao vermello, que leva a vaca rubia galega ou algúns cans das razas británicas: settler, cocker, algún golden retriever.

Roxo: Aínda que pode ser sinónimo de rubio, e polo tanto tamén podemos usalo para substituír pelirrojo, a cor roxa tamén pode definir en galego unha tonalidade de vermello máis vivo, tirando á cor laranxa e incluso o cabelo da cor do ouro.

Louro e loiro: Meu pai non chegou a roxo porque o amarelo da súa cabeleira era un dourado máis claro. Para ese ton usamos en galego louro. Esta é a forma máis axeitada para substituír o que en castelán chaman rubio. “La ciudad con más mujeres de pelo rubio de España es Sevilla”. “A cidade con máis mulleres de pelo louro de España é Sevilla”. Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, o adxectivo louro tamén define a cor da castaña moi madura, é dicir un matiz do granate. O Estraviz diferencia louro, que en efecto define esa cor escura e brillante de loiro, que viría definir ese dourado ou castaño claro.

Castaño: Eu non herdei o loiro do meu pai; son castaño, en extinción. A cor castaña vén da cor dese froito seco tan común en Galicia, polo que nalgúns contextos podería chamarse tamén louro. Entendo a confusión, nin eu mesmo sei de que cor teño o pelo que aínda non me encaneceu.

Moreno: Neste caso, o adxectivo é igual en galego ca en castelán. No caso do pelo define a cor negra ou castaña moi escura. En canto á pel, é unha forma ampla de referirse a tons escuros.

En resumo, en galego temos catro grandes grupos de cor de pelo: loiros ou louros; roxos ou rubios; castaños e morenos. Os dous primeiros adxectivos equivalen aos castelanismos rubio, pelirrojo/pelirroxo. Este campo semántico considero que é un dos máis danados da nosa lingua. Recuperalo non é doado. Hai tempo que veño propoñendo sen ningún altofalante que a TVG debería producir unha serie infantil cuxos personaxes levasen nomes das cores de noso para impedir que se perdan.

Single Post Navigation

6 reflexións sobre “Loiras, castaños, rubias, morenos, roxas e viceversa

  1. En realidade, é o castelán o primeiro que sofre a deturpación, porque “rubio” orixinariamente ven de “rubor-oris”, e designaba a persoas de pelo vermello. É curioso que copiemos deturpacións semánticas.

  2. Que me coma o demo se me aclaro. Que ben me viñan unhas imaxes neste post, para velo ademais de lelo. Eu, seguindo o que oía na miña casa, sempre usei “rubio” como sinónimo de vermello, para referirme, por exemplo, ás cereixas maduras, ós tomates ou ó semáforo cando non se pode pasar. “Loiro” e “roxo” son para min palabras aprendidas, e non estou seguro de ter claro o seu uso correcto.
    É que encima teño problemas para distinguir algúns matices de cores. Non é que sexa daltónico; é que son torpe.
    Xa evito tratar de explicarlle isto das cores ó meu alumnado, porque me embarullo de mala maneira.
    En resumo, un desastre.

    • Ola, Suso: En efecto a cor rubia tamén define o vermello ou o encarnado pero cando falamos de pelo, tendo en conta que os tons cromáticos son moi concretos, tamén as definicións cambian. Eu aínda coñecín en Fisterra un home ao que lle chamaban o Roxo porque tiña o pelo da cor do lume. Louro quizais xa hai máis que esmoreceu da lingua viva pero hai documentos (por exemplo os alcumes antigos) quue xunto ao uso que se fai en portugués nos serven para definir o que en castelán é rubio.

  3. Pingback: Crema vexetariana a base de cabaciña, tomate, cebola e pementos do Piquillo

  4. Que significa careco?

  5. E que facemos cando os ingleses traducen “Rubia galega” por “Galician blonde”? Quen fixo o erro primeiro fomos probablemente nós mesmos, que traducimos rubia ao castelán como rubia.

Deixar un comentario