Dúbidas do galego

Xauría

Xauría é un castrapismo, unha adecuación gráfica á fonética galega dunha palabra castelá, jauría. Aínda que apenas se utiliza porque incluso para os españois é unha palabra relativamente culta, nalgúns contextos aparece de cando en vez mercé ás súas connotacións, moi gorentosas para a prensa.

Unha jauría é, en castelán, un grupo de cans, ben asilvestrados ben adestrados por unha persoa para utilizalos na caza. Ese uso cinexético ampliouse durante a conquista de América, cando os invasores españois utilizaron grupos de cans para atacar, amedoñar e matar indíxenas.

Por extensión, a jauría define tamén, en castelán, un grupo de persoas que perseguen con asañamento outra persoa ou algún colectivo, por razóns diversas.

A etimoloxía de jauría é incerta. Algunhas teorías vinculan a palabra a unha pura onomatopeia do ladro canino: ghau, ghau.

E como traducimos estes significados ao galego? O Dicionario Xerais propón como sinónimo perfecto a palabra manda. Unha manda, con este significado, define un conxunto de animais da mesma especie, nalgúns casos unidos por algunha caste de xerarquía. Velaquí o significado óptimo para definir un grupo de cans, sexan silvestres sexan adestrados xa que en calquera caso estes animais se rexen por criterios xerárquicos. O dicionario Estraviz prefire matilla, tamén presente no portugués, que define especificamente un conxunto de cans de caza.

O galego non ten un substantivo específico para definir un grupo que persegue implacable a outro. Deberemos usar formas indirectas, en moitos casos cunha proximidade semántica case perfecta. “Como una jauría salieron a la prensa a denunciar inverosímiles casos de corrupción en los partidos de izquierda”. “Coma lobos saíron á prensa denunciaren inverosímiles casos de corrupción nos partidos de esquerda”.

A famosa película de Arthur Penn The Chase (literalmente, a persecución ou a caza) traduciuse ao castelán como La jauría humana; na TVG optaron por traducir o título castelán como A manda humana. Só ao considerarmos os humanos unha manda xa lle atribuímos unha connotación claramente irracional e, polo tanto, agresiva.

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Xauría

  1. manuel rodríguez alonso o dixo:

    Paréceme ben o de manda de cans. De todos os xeitos, a propia RAG no seu Dicionario castelán-galego propón para o jauría castelán “manda de cans” e ofrece este exemplo: “A manda de cans descubriu a lebre”. Este dicionario da RAG non adoita usarse, mais ofrece moitas solucións e informacións sobre o estándar.

  2. E logo non coñecedes a palabra caninea! Vén en varios dicionarios como conxunto de cans, e no de Franco Grande tamén co significado de “grupo de gente maleante cuyas intenciones no son buenas”, polo que creo que é o equivalente exacto de jauría. A RAG tamén recolle o termo canzada para unha manda de cans

    • Francmente, non coñecía ningunha das dúas palabras. Así que grazas pola achega, Iago. De todos os xeitos non teño claro que o feito de existir como segunda acepción o de grupo de maleantes se poida considerar que teña un sentido idéntico ao de jauría na fala popular. Como nunca o escoitei no galego oral non podo sabelo. O cal non significa que a partir de agora utilice caninea con tal fin.

Deixar un comentario