Dúbidas do galego

Canónigos

Nos últimos anos houbo unha revolución verde e silenciosa. Non falo da primavera árabe senón do cambio brutal na confección das ensaladas. Pasamos do sota-cabalo-rei (leituga, tomate e cebola) a unha biodiversidade no prato que se manifesta en forma sabores e cores e texturas diferentes, nun reto constante á imaxinación. Mais como pasa en todas as épocas de transición, tras unha tempada na que alborexaban nas ensaladas desde lentellas a morangos; desde repolo cru a pasas, o gusto maioritario foise decantando por algunhas “estrelas” das ensaladas do século XXI. O tomate cereixa (ou cherry), a rúcula e os canónigos viñeron para ficar.

Este non é un blog de cociña, así que quero referirme á palabra canónigos. Como falar dela en galego?

É esta unha palabra rara. A Academia Española non a admite, nun dos poucos despistes na actualización dos usos sociais aos eruditos. Así que falar de canónigos en castelán é incorrecto, a non ser que nos refiramos aos membros dalgunha das estruturas eclesiásticas que contan con esta figura, principalmente os cabidos das catedrais.

Mais, curiosamente, no portugués admítese esta palabra, que se considera castelanismo de recente incorporación. Como se coce isto? Menos mal que este vexetal se come cru.

Os canónigos, cuxo nome científico é valerianella locusta, non tiveron presenza na nosa agricultura tradicional. Polo tanto, dunha maneira ou doutra, teremos que recorrer a un estranxeirismo para os definir. A miña proposta é admitir canónigos. É un neoloxismo facilmente recoñecible que non pelexa nin domina unha palabra propia.

Nalgún escrito da Xunta vin herba dos coéngos. É unha tradución algo libre porque en ningún lugar atopei que o nome de canónigos teña que ver cun suposto cultivo feito por estes eclesiásticos senón máis ben que o nome podería vir da forma e abundancia de follas da planta. Algo así como unha metáfora de que esa herba nace e se reproduce tan rapidamente e de xeito tan vizoso como a nómina de cóengos en determinados cabidos.

En Portugal é un vexetal con moitos nomes. Amais de canónigos, coñécese por alface-da-terra, alface-de-coelho e alface-de-cordeiro. Calquera destes nomes podería servir (algún deles é tradución da forma inglesa, caso de lamb’s lettuce (leituga de año). Mais anos despois da xeneralización do nome castelán, substituír unha palabra foránea por outra é gastar pólvora en salvas. Mellor gardar os folgos para recuperar palabras propias que sobreviviron centos de anos e arestora están a piques de desaparecer.

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Canónigos

  1. Pingback: Guisantes e calabacíns | Dúbidas do galego

  2. E os berros, entón, serían unha planta diferente, non si?

  3. Pingback: Dúbidas do Galego: Guisantes e calabacíns | The Muros Times

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: