Dúbidas do galego

Lentejuelas

Pequena peza de material brillante que se cose á roupa como adorno. Esa é a definición da palabra castelá lentejuela. O nome non ten ningún misterio. Como nun principio estes adornos eran redondos, aparentaban seren como pequenas “lentejas”.

O galego dá varias opcións. Na lingua estándar, a recomendación é a palabra abelorio. En orixe, un abelorio é unha pequena peza de vidro, de plástico ou doutro material que se usa para adornar vestidos ou facer alfaias co procedemento de unilos a través dun fío. En esencia, a palabra é axeitada para definir esoutras pezas que se unen directamente á tea.

Aínda así, hai lingüistas que propoñen outras opcións para expresar esa palabra castelá. Isaac Estraviz, seguindo a liña portuguesa, propón lentexoula ou lentexoila, calco admitido do castelán.

Benigno Fernández opina que a opción de Estraviz é incorrecta porque adapta a palabra en si e non adapta á nosa lingua a etimoloxía da palabra lentejuela. Así que se lentejuela provén de lenteja, en galego, di Fernández, deberiamos crear a palabra desde lentella. E de lentella, lentellola.

Particularmente, coido que o máis práctico é usarmos abelorio agás na frase feita “vestido de lentejuelas”, xa que me parece ambiguo dicir “vestido de abelorios” porque pode indicar que se usan eses adornos nunha parte concreta do tecido cando en realidade queremos definir esa peza de roupa cuberta completamente por estas peciñas. Nese caso, para facernos entender, ou ben fariamos a frase “vestido cuberto de abelorios” ou usaría o empréstimo “vestido de lentexoulas”.

Single Post Navigation

Unha reflexión sobre “Lentejuelas

  1. Engado a suxestión do escritor e lingüista Mario Regueira sobre como traducir lentejuelas. El fala de brillos. Cando falamos dun vestido ou dun traxe falarmos de vestido de brillos cumpre, desde o meu punto de vista, os requerimentos para que se comprenda o que queremos dicir. É un uso moi recomendable

Deixar un comentario