Prenda
Puír a propia lingua é un labor tan continuado coma limpar arañeiras. Hai tantas formas incorrectas que a diario imos aprendendo que palabras que usabamos acotío en realidade non pertencen ao vocabulario propiamente galego.
É o caso de prenda, co significado de parte das que se compón a vestimenta. Aínda que prenda é unha palabra galega, como logo veremos, para esta definición debemos empregar a forma peza de roupa. Como ben explica o lingüista Benigno Fernández, só temos que fixarnos nos falantes de maior idade para decatarnos de que o uso de prenda é recente. Na miña casa ás miñas avoas non lles quedan prendas penduradas á chuvia no estendedeiro senón pezas de roupa.
Prenda si se recolle en galego como aquilo que se dá como garantía do pagamento dun empréstimo. “O rei deixou en prenda parte do seu tesouro en xoias a cambio do cofre de floríns de ouro”. En tempos, prenda tamén servía para definir o obxecto que se entregaba para un duelo. Por extensión, a prenda pode definir unha carga, unha incomodidade, símbolo desa débeda. Hoxe en día xa só se usa como recurso cursi nas desaparecidas cartas de amor: “Envíoche estas liñas, miña querida, que son prenda do moito que te estraño”.
Si pervive unha forma familiar de uso da palabra prenda en varias comarcas como cualificativo cariñoso para persoas queridas. Na miña familia da Limia está moi vivo este adxectivo. “Prendiña, non te movas da cama que vas coller frío”.
Para algúns estudosos, este uso afectivo ten a ver co uso, habitual no portugués actual, de prenda como sinónimo de galano. Curiosamente, no portugués ese significado convive co de prenda como definición dunha persoa malvada. Algo así como o noso “boa peza”.