Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Pobo

En galego, usaremos a palabra pobo só con tres significados: para definir un colectivo humano que comparte territorio e elementos de cohesión comunitaria, caso dunha lingua, unha institución ou unha cultura. O pobo irlandés, o pobo galego, o pobo iroqués ou o pobo mapuche. Esta definición amplíase a aquelas comunidades que a pesar de non teren un territorio común comparten crenzas, orixe ou historia. O pobo xitano ou o pobo xudeu.

Tamén falaremos de pobo ao referirnos á parte maioritaria da poboación dunha sociedade, ben como sinónimo da palabra xente: “A xente da Terra Cha ou o pobo da Terra Cha”, ben como definición da maioría fronte ás elites. “Os políticos de hoxe non gobernan pensando no pobo senón no capital”.

No galego popular utilízase doutra maneira a palabra pobo, como adaptación do castelanismo pueblo co significado de “lugar de menor categoría ca unha cidade ou vila”. Nunha campaña publicitaria recente, Larsa utilizou esta frase: “Levamos a orquestra Panorama ao teu pobo”.

Na forma castrapa pobo atopamos tamén a referencia a un lugar do medio rural desde a cidade. É habitual que algúns ourensáns digan: “Na fin de semana vou ao pobo do meu pai, en Trives”, por exemplo. Na forma directamente castelá pueblo sucede xusto o contrario, refírese a un centro urbano, vila ou cidade, desde un contexto aldeán. Miña avoa Carme dicía habitualmente: “En Cequeliños xa a xente fai coma nos pueblos, que xantan ás tres da tarde”.

Debemos substituír estas formas por palabras galegas xenuínas. Cando falamos de entidades de poboación, é común cinxirse á xerarquía por número de habitantes e tipo de poboamento. Temos a cidade, que se caracteriza pola densidade alta de poboación e un esquema de rúas e prazas máis ou menos organizado, desde Vigo (a máis poboada) a Monforte, cidade histórica cuxo perfil urbano é obvio a pesar de só contar con 20.000 habitantes. En Galicia é un pouco ridículo falar de grandes cidades como ás veces se di nos medios de comunicación. “As sete grandes cidades”. Gran cidade é Tokio ou São Paulo ou Londres ou Ciudad de México, con millóns de persoas compartindo espazo.

No seguinte chanzo están as vilas: núcleos urbanos ou semiurbanos que medraron grazas á ordenación administrativa e xudicial como cabeceiros de comarcas. Os centros urbanos de Verín, Cuntis, Vilalba ou Lalín entran nesta categoría.

Dentro de cada concello en Galicia hai parroquias e lugares. En realidade, na maior parte do país (hai excepcións en varias comarcas diseminadas polo país) existe un lugar central que nomea a parroquia e varios lugares ao redor. O  modelo minoritario baséase un espazo habitado, concentrado ao redor dunha igrexa parroquial e separado doutras poboacións que á súa vez se organizan do mesmo xeito. Polo xeral sempre as definiremos como aldeas aínda que podemos empregar outros nomes como o propio lugar ou poboación. Para traducir formas como “Enciclopedia de los Pueblos de Galicia” teremos que adecuarnos á nosa propia xerarquía. “Enciclopedia dos Concellos de Galicia”, dos Lugares de Galicia, das Vilas e Aldeas de Galicia ou outras formas.

Para traducir “Paso os veráns no pobo co meu avó” empregaremos a forma aldea. E en troques de “No pueblo haiche autobús a todas as horas”, mellor diremos cidade ou vila, segundo o caso.

 

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: