Como engadir un pronome átono a un verbo
Consultaba hai uns días Meu como saber que forma toma o pronome átono cando se acopla a unha forma verbal nunha frase na que actúa como complemento directo. Como é? Eles comen churrasco pasa a ser Eles cómenno? Marcos le un libro; el leo, lelo?
Ben, expliquemos a regra, que é sinxela de aprender.
Case en todos os casos, o pronome átono (a, as e o, os) aparece apegado ao verbo así. “Maruxa compra unha boneca: Maruxa cómpraa”; “A avoa vive as festas; a avoa víveas”.
Mais hai casos nos que temos que empregar outras formas:
-Cando a forma átona se engade a unha forma verbal rematada en -s ou -r ou xunta ao adverbio u usamos as formas -la(s) e -lo(s). “Teimaches en correr a maratón; teimaches en correla”. “Tomas o café?; tómalo”. “Dis para ti, hai esperanza, mais ula?”
-Nos casos de verbos que rematan en ditongo, empregamos -na(s) e -no(s). “O can mordeu a túa tía; o can mordeuna”. “A Rosa partiu os garabullos; A Rosa partiunos”.
Ás veces vemos que neste caso, na fala hai fenómenos de redución: “Moredeua”, “Partíua”. Quizais por hipercorrección, nalgúns casos na escrita hai que duplica o n: “Mordeunna”. Isto débese, na miña opinión, á confusión entre a forma átona do pronome de terceira persoa coa forma átona da primeira persoa do plural xunto a formas verbais rematadas en -n. “As nenas rin as nosas grazas; as nenas rinnos as nosas grazas; as nenas rínnolas” (reparemos en que o complemento directo -as toma un l debido a que a forma rinnos remata en -s).
Aínda que tamén se estende o fenómeno a formas verbais que rematan en -n e que duplican innecesariamente a consoante final. “Nese obradoiro reparan cadeiras estragadas; nese obradoiro repárannas (cando simplemente debemos incorporar a forma átona -as, sen máis: repáranas).
Moi bo artigo, coma sempre. Quero aclarar que o que dis que é unha redución (mordeuo, partíuo…) é unha variante dialectal que ten moita vixencia no sur da provincia de Pontevedra.
En efecto. Noutros lugares utilizan un i epeténtico na aglomeración do artigo: ‘Fíxoio’, típico na Limia, por exemplo. Grazas por comentar.
A variante da que se fala é lexítima en persoas que a teñen desde o berce, non nos neofalantes. Esta páxina está falando desde a gramática estándar do galego.
Ben, se o neofalante aprende a falar nunha comarca onde a usan, non lle vexo problema a que faga coma os do lugar 🙂 Outra cousa é que saibamos diferenciar os rexistros e, en efecto, entendermos a lingua estándar como unha variante necesaria en calquera lingua.
Douche a razón e estímoche a resposta. Graciñas e boas noites.
E lin, curioseando no teu blogue, a túa resposta ó topónimo “Ogrove-O Grove”. Graciñas. Eu era dos de “Ogrove”. Aquí na Coruña pasa o mesmo co lugar da Gramela, unha aldea da zona de San Pedro de Visma, pois a Asociación Veciñal pensa que é “Agramela”. Na RAG razoáronme que “Gramela” existe coma palabra lexítima galega, co significado de “trampa para raposos”.
A primeira persoa do presente do indicativo do verbo ir é “vamos” ou “imos”?
Imos. Vamos é imperativo
Cal sería a correcta colocación do pronome con respecto ao verbo neste caso?: “Peores cousas se teñen visto” ou “Peores cousas téñense visto”?
Non son galega pero estou aprendendo porque miña avoa era de alí, ela sempre dicía iso (ou parecido). Grazas!
Ola. Estela. Esa é unha construción enfática e en realidade admítense as dúas formas. Polo xeral úsase co pronome antes xustamente por enfatizar o verbo. A colocación dos pronomes varía ás veces en casos coma este.
Perdoa pero non me quedou moi claro o duplo N. Sería correcto por dúas enes en “rinnos” ? e por qué repáranas leva unha?
Bos días. Como sería o imperativo + pronome átono “o” dos verbos: ler, ver e crer? Sería “leo”, “veo” ou “creo”? Saúdos
Ola. Si. Igual que é faino, véndeo ou cómeo. Outra cousa é que na lingua oral soe raro e se usen outros complementos: le isto; cremo.