Dúbidas do galego

Sala, sá, saa

Ás veces, a normativa prefire fomentar o galego histórico diante da fala viva; noutros casos fai ao revés. Por que? Non me corresponde a min explicalo. No caso de sala, o galego historicamente foi erosionando a palabra xermánica sal até convertela en saa. Saa é un termo vivo na toponimia e na onomástica que a literatura galega adaptou como sa ou sá. Nalgúns medios de comunicación e institucións quíxose implantar o termo, incluso empregando a palabra en construcións novísimas como fútbol sá ou sá de exposicións.

Mais a norma proscribe as formas saa e sá por arcaizantes. Consideran as autoridades lingüísticas que son formas mortas na fala común e que o seu uso é artificial. Por iso defenden a forma plena sala, tamén utilizada en castelán e portugués.

Persoalmente, estou a favor de permitir o uso de sá. Se se considera que o termo patrimonial ten pouco a ver cun espazo público restrinxamos o seu significado a definir o cuarto da casa destinado a lecer. Vaia, o que se coñece comunmente por salón. En realidade, a propia palabra salón é un neoloxismo. Coa necesidade de crear unha linguaxe publicitaria propia para a venda de pisos e casas, o castelán decidiu chamarlles ás salas dos apartamentos salóns, que como o seu nome indica, definía as salas moi grandes das casas burguesas e dos palacios. Na casa tradicional non había salón senón sala. Por que non sá?

Por certo, sá leva acento gráfico diacrítico para que non se confunda co adxectivo sa (con boa saúde).

Single Post Navigation

6 reflexións sobre “Sala, sá, saa

  1. Andres Lopez o dixo:

    Pero saa non era o lugar onde se sementaba por vez primeira? Ten vostede datos correctos sobre esa toponimia?

    • Ola, Andrés: Graciñas por comentar e enriquecer a páxina.

      Está documentada a palabra sal como de orixe xermánica co significado de casa. Méndez Ferrín dálle o matiz de que tamén se nomeaba así a corte rexia dos suevos.

      O topónimo viría definir unha casa ou grupo de casas. Recoméndoche este enlace:
      http://frornarea.blogspot.com.es/2008/09/de-suevos-salas-samanos-gasallas-e.html

      Dito isto, o estudo da toponimia galega está en constante evolución e non che quito razón de que poida deberse esta forma á evolución doutra palabra antiga. Noutros casos sucedeu iso. Lembro que o topónimo Pazo parecía provir dun edificio nobre e agora está case confirmado que ten máis a ver cunha división agrícola

  2. “Ás veces, a normativa prefire fomentar o galego histórico diante da fala viva; noutros casos fai ao revés. Por que? Non me corresponde a min explicalo.”
    Iso soou como a “basicamente, a RAG fai o que lle peta, non ten criterios e non hai quen a entenda”.

  3. Pingback: A perda do n e o l intervocálicos | Extensión do galego

  4. Pingback: A perda dos n e os l intervocálicos | BReinPTeGZrANcionisMÇo

  5. GINES ORENES VIVO o dixo:

    Boas tardes.
    Por tanto SAA VEDRA ,es SALA VIEJA no castellano.Saa Vedra era el cognom do meu pare edats meues tías.
    Obrigado por haver feito està pàxina.

Deixar un comentario